No momento actual que estamos a vivir laboralmente moitos son os dereitos que os traballadores tiñan que están a ser mermados e incluso suprimidos. Esta situación fai que sexa máis que nunca preciso que a mocidade se implique na defensa de estes, e por iso que me produce ledicia o comprobar como moitos mozos e mozas se implican sindicalmente para defender os seus dereitos mais os dos seus compañeiros de traballo.
Sabendo e asumindo que o sindicalismo que representan a día de hoxe sindicatos como UGT ou CCOO e mesmo outros de corte amarelo nos que e a propia patronal é a que indica cales son os delegados que se presentan a eleccións; a dia de hoxe sigue a haber sindicatos que representan dignamente os traballadores e o seu labor é fundamental para que non pasen desapercibidas todas as inxustizas ou manipulacións que se fan tanto na empresa privada como na pública.
Prodúceme fonda tristeza que no plano privado se persiga a xente que o único que fai é presentarse por una lista concreta que non é do agrado do empresario de turno, persecución que chega o punto de que algunhas de estas persoas acaben sendo despedidas se non acceden a deixar a dita lista, representación ou sindicato. Casos como estes témolos na nosa propia comarca, casos visibles como é o de GADISA que mesmo foi obrigada a repetir unas eleccións sindicais no seu momento por telas manipulado, e na que a día de hoxe aínda se segue a presionar e mesmo impedir o labor de representantes sindicais que o único que fan é velar polo cumprimento dos dereitos que os traballadores teñen.
Máis triste se cabe é que isto pase na administración pública, que como é evidente debe de ser garante de respecto dos dereitos dos traballadores e os seus representantes legais, quizais o que pasa é que estamos acostumados a moitísimos anos de manipulacións e discriminacións dos traballadores por parte dos diferentes gobernos que por ela pasaron.
É obriga das institucións facer as cousas como se debe no plano laboral, aínda que esa obriga poucas veces se leve adiante, pero tamén e obriga dos sindicatos que teñen representación dentro da Administración a de velar porque non se produzan discriminacións entre traballadores e que se acceda os postos de traballo de forma acorde a lei. Así como se lle esixe á empresa privada que faga as cousas de acorde a lei, é evidente que o exemplo que ten que dar a pública é facelo así sen que ninguén llo esixa.
Parece ser que no Concello de Betanzos que é no que todos e todas vivimos non se fixeron as cousas como se debían durante moitísimos anos, iso non e razón para que as cousas non se fagan ben agora, mais cando se avisa de que algo se está a facer mal e non é acorde á lei por parte da representación dos traballadores, estes dixérono e non se lles fixo caso. Un sindicato dos que teñen representación no Concello denunciou a situación e tampouco se lle fixo caso, despois a oposición levou a pleno o tema e se acordou que debía de facerse acorde a lei, segundo parece non se fixo caso tampouco pois a representación dos traballadores segue sen saber nada do tema.
Algún ou algunha dirá, víase vir, outros pensarán non será para tanto, ou mesmo alguén pensará, isto fíxose así toda a vida e non hai porque cambialo.
As cousas que se fixeron mal toda a vida deben de empezar a facerse ben. E máis, dando un voto de confianza arríscome a afirmar que posiblemente o actual rexedor estea mal asesorado e que debería mirar se realmente a súa forma de actuar para cos traballadores do Concello está a ser a que esixe a lei, a representación destes simplemente solicita que as cousas se fagan acorde a lei, non como se fixeron ata agora.

Nenhum comentário:
Postar um comentário