30/05/11

BNG, e agora que?

O BNG presentouse a estes comicios cun escenario político inmellorable, cun goberno inoperante que a todas luces fixo do inmobilismo o seu labor de goberno, no que tan só os proxectos anteriormente aprobados e iniciados no anterior bipartito se levaron a execución, na maioría dos casos tarde, mal e arrastro, casos como o dos colexios que foi iniciada a súa construción no final da lexislatura cando estes simplemente estaban pendentes de execución e que por intereses tanto da propia alcaldesa como de particulares foron atrasados, a apertura do matadoiro municipal despois de una restauración levada a cabo polo BNG cando estivo no anterior goberno, o albergue para peregrinos, etc.

Unha grande mostra da inoperancia do PP son os controvertidos casos do Alfonsetti no que se pagaron sumas de diñeiro aos concesionarios sen ter que facelo, regalando diñeiro do Concello a particulares, ou as tan traídas terrazas que mais alá de valoracións estéticas, tiveron e teñen a súa legalidade en entredito e demais casos de dispendio de erario público en parvadas nunha situación de crise, esta situación, xunto co enfrontamento cun PSOE totalmente á baixa e Cidadáns por Betanzos que fixeron do persoal o seu labor de goberno‐oposición primando as desputas persoais entre alcaldesa e portavoz destes por riba dos intereses do conxunto da cidadanía betanceira.

Toda esta situación global faría que o BNG debera ser un dos beneficiados da eleccións, mais que pasou para que a dita situación non beneficiase ao BNG?

A miña forma de ver o BNG a nivel local descapitalizouse de referentes importantes como foi o caso de Xabier López, que tanto no plano ideolóxico como no de traballo no seu paso polo Concello demostraron seriedade, responsabilidade e fixeron do respecto as leis en urbanismo e da defensa e mellora do noso casco histórico unha forma de traballo que fixo que se gañara o respecto de técnicos, persoal e da cidadanía e representantes municipais que traballaron con el ou precisaron da súa intervención.

Cando se fala de renovación en determinados ámbitos, enténdese como o feito de meter a xente nova nas listas, este feito sempre é bo e fai que os partidos políticos se refresquen cando os seus referentes xa están esgotados ou queimados polo propio traballo político, o BNG é unha forza moza e chea de enerxía que en Betanzos só tivo unha pequena oportunidade de demostrar o seu traballo, o traballo que fixo no seu paso polo goberno, cos seus fallos que a bo seguro os tivo, nunca foi contestado durante esta lexislatura, pois a propia alcaldesa tivo que admitir en máis dunha ocasión en pleno o bo labor do BNG no seu paso polo goberno, esta circunstancia fai que non fora precisa tal renovación na lista que fixo que se descapitalizara unha grande parte do traballo de Goberno no seu momento e oposición durante toda esta lexislatura, a dita renovación descapitalizou o BNG de referentes e fixo que a cidadanía non nos vira como unha opción de goberno e simplemente tiveramos o beneprácito do traballo ben feito durante esta lexislatura.

No plano nacional, o BNG adoeceu segundo o meu punto de vista dunha mensaxe clara e aberta a toda a cidadanía galega, o BNG como fronte simplemente ten marcado o seu carácter de esquerda, non é antisistema en esencia e debería de acoller o global da poboación galega dentro del, os resultados que se demostran eleccións tras eleccións dende hai moitos anos distan moito de ser así, está a pecharse en banda dentro de unha visión política, pechándolle a porta a unha importante parte da cidadanía que non ve nel o seu referente de goberno, o BNG ten que abrirse de novo á sociedade e dar unha mensaxe plural e de defensa dos intereses do país, se aspiramos a ser goberno tanto nos Concellos como en Galiza debemos tender a man á sociedade, falar con todos, achegarnos á xente, á grandísima maioría da poboación non é militante de ningún partido nin ten amores por unhas siglas que lle impidan votar a outras opcións políticas, que impide que unha persoa que votou estas eleccións municipais ao PP, ao PSOE, ou a CXB, poida votar en futuros comicios ao BNG? Nada impide iso, demostrouse onde o BNG acadou medrar substancialmente ou maiorías absolutas nestes comicios partindo de minorías ou afianzando máis se cabe esas maiorías que xa tiñan, sitios como Teo, con Martiño Noriega, Tomiño, con Sandra González ou Pontevedra, con Miguel A. Fernández Lores, que pode impedir que o BNG teña resultados similares en máis concellos, só podemos impedilo nestes, levamos dende a nosa creación solicitando unha democracia real, participativa e na que as persoas conten por riba das ideas, que impediu que xente que se viu reflectida no movemento 15 M acreditara no BNG como forza de cambio a unha democracia real e participativa nos seus concellos, como di o compañeiro Xabier no seu último artigo n´A Nosa Terra, algo falla (e moito).

Debemos recoller a mensaxe transmitida pola sociedade galega, ser críticos, non ser conformistas e mudar no que sexa preciso a nosa visión da sociedade galega para que o BNG sexa para unha maioría da poboación unha alternativa real de goberno, democrática, participativa, aberta e plural, ese debe ser o noso único obxetivo para os próximos tempos, debemos no BNG de unir forzas e sacar dunha vez unha alternativa que ilusione a militancia, os simpatizantes e a cidadanía galega unha alternativa na que se poida ver reflectida a poboación galega, unha alternativa de goberno e defensa do país que faga que a poboación galega vexa o BNG como o que é, a alternativa galega que defende os intereses de Galiza e dos galegos e galegas.

Está nas nosas mans.

0 Comentários:

Postar um comentário