
Hai xa moito tempo que tiña abandonado ou en posición de espera este espazo na rede pois eran moitos os compromisos que tiña , un deles e o que e mais importante para min o da representación dos meus compañeiros e compañeiras de EMESA na que me centrei nos últimos dous anos e a que me levou bastante tempo, pois a entrada de un sindicato como a CIG na empresa levou tempo xa que nesta empresa non tiña presenza anteriormente, nestes dous anos nela tivemos que afrontar unha partida case que dende cero no que e o traballo interno do Comité de Empresa, unha negociación Colectiva que a todas luces se torna cada día máis complicada, pois como e sabido as empresas que en anos pasados deron enormes beneficios agora están contendo as subidas salariais e mermando a capacidade adquisitiva dos traballadores e traballadoras que nada teñen de culpa da crise na que as grandes multinacionais e a banca nos teñen metidos. Crise que a súa vez trouxo un ERE para EMESA que comezou en decembro e que non parece que vaia finar en datas próximas, esta situación me fixo ter este espazo abandonado durante este longo período de tempo, pero hoxe e o día de abrilo de novo e ábroo polo afecto persoal e político que lle teño a unha persoa, Xabier López, concelleiro portavoz do BNG e exconcelleiro de Urbanismo e Casco Histórico no anterior goberno do Concello de Betanzos.
Non só o BNG lle di adeus a un compañeiro que nos representou de maneira maxistral e que todas luces será dificilmente substituíbel na corporación municipal, tanto polo seu ben facer no momento que tivo que saumir labores de goberno como para ser o mellor voceiro da agrupación política a que pertenzo, o BNG, no Concello de Betanzos.
Xabier López, persoa de ética intachábel, que traballou tanto no goberno como na portavocía do BNG de maneira incansábel, a el se lle deben as accións que o BNG tomou de cara á posta en valor do noso casco histórico, durante o tempo que el xestionou esta área púxose en marcha a peonalización do casco histórico asumindo de tal maneira moitos ataques persoais mais entendendo que dita decisión era a única posíbel para a recuperación e posta en valor do berce de nacemento da nosa cidade, á súa vez levou adiante centos de accións na restauración tanto das propias rúas como das casas que estaban en moitos casos nun deplorábel estado, o reflexo do seu labor dentro desta área vese en que dende a chegada da actual corporación tal traballo foi abandonado e a día de hoxe o casco histórico morre día a día énchese de coches que o afean e o deterioran, e se cae nuns casos e o tiran noutros como é o caso da casa gótica sen que dende o Concello o goberno mova nin un dedo.
A achega do meu compañeiro no BNG foi fundamental para esta cidade durante o seu tempo no goberno, e durante esta lexislatura como voceiro puidemos desfrutar das súas intervencións nos plenos do concello, que pasan por ser as máis lucidas de todos os edís que nos representan no Concello, perdemos un orador incríbel, a un marabilloso representante noso no Concello, e o BNG perde quizais o seu mellor candidato de cara ás próximas eleccións.
Dende este espazo na rede quero amosar o meu afecto persoal cara a Xabier López, a miña estima política e o meu respecto a súa decisión, e que tal decisión sirva para que atope a tranquilidade para que poida facer o que máis lle gusta que é escribir, e dedicarse á súa nena, xa que por razóns da representación que ostentaba de seguro que lle debe moito tempo.
Deséxolle o mellor no persoal, o éxito no profesional, e agardo que o tempo o volva a poñer na política activa pois persoas da talla política e ética del honran e fan da política un traballo bo e eficaz para a sociedade e fan moita falla nos tempos que corren na política nacional e municipal, polo tanto o meu sentimento no aspecto político e de un até logo, nunca será de un adeus.
0 Comentários:
Postar um comentário